Ateneo Ferrolán

Rua Magdalena 202-204, Ferrol, 15402 ,Spain
Ateneo Ferrolán Ateneo Ferrolán is one of the popular Nonprofit Organization located in Rua Magdalena 202-204 ,Ferrol listed under Non-profit organization in Ferrol ,

Contact Details & Working Hours

More about Ateneo Ferrolán

ATENEO FERROLÁN dende o ano 1879 na cidade de Ferrol.

Acta de constitución do primeiro ateneo na cidade de Ferrol, asinada o 24 de marzo de 1879, fai 133 anos (1879 - 2012)

O ATENEO FERROLÁN foi fundado no ano 1879 por un grupo de intelectuais presididos por D. Avelino Comerma y Batalla coa denominación de ATENEO ARTÍSTICO, CIENTÍFICO E LITERARIO DE FERROL. Non faltaron, desde os primeiros momentos, discrepancias, controversias e enfrontamentos, un dos cales, cun socio- Director dun diario local- transcendeu máis aló da cidade e ata do país, chegando a ser comentado no “The Daily News” de Inglaterra, pois o conflito pasou dunha cuestión persoal e interna do ATENEO a pór en xogo algo tan sensible como a liberdade de prensa.

De 1903 a 1906 a actividade principal do ATENEO céntrase nas Conferencias que imparten socios e non socios e que alcanzan a cifra de 50/60 durante cada un deses catro anos. Alcanzaron gran difusión e moi boa acollida os ANUARIOS publicados polo ATENEO coas conferencias e debates producidos ao longo do curso.

É de destacar a homenaxe que o ATENEO dedicou en 1905 a CERVANTES con motivo do trescentos aniversario da publicación do QUIXOTE, consistente en dúas veladas literarias e a publicación dun folleto cos traballos presentados.

Nos anos 1914 e 1915 un ATENEO SINDICALISTA que se nutre de distintas colectividades obreiras constituídas ao redor do socialismo, sindicalismo e anarquismo.

A actividade máis destacada deste ATENEO foi a celebración dun CONGRESO INTERNACIONAL a favor DA PAZ, organizado por iniciativa do Ateneo Libertario de Xixón. É interesante apuntar o manifesto-convocatoria deste Congreso:

”O ATENEO SINDICALISTA DE FERROL (ESPAÑA)”, pequeno en número pero grande en ideais de redención humana, convoca a un Congreso Internacional a socialistas, sindicalistas, anarquistas e organizacións obreiras do mundo, para discutir a seguinte orde do día:

1º) As medidas máis rápidas para terminar a actual guerra europea.
2º) Nova orientación a seguir en adiante, para evitar tales crimes de lesa humanidade.
3º) Desarmamento xeral dos exércitos permanentes.

O Congreso foi torpedeado e abortado polas autoridades. Os 36 delegados internacionais que iniciaban as sesións xunto coa maioría dos asistentes foron detidos e os delegados deportados.

A Comisión organizadora recibiu numerosas adhesións de Europa e América, ata dos países en conflito.
En 1931, terminada a Ditadura de Primo de Rivera coa chegada da República, supón un revulsivo social e prodúcese un esplendor cultural xeneralizado, un grupo de personalidades locais e antigos ateneístas deciden recuperar o ATENEO FERROLÁN “como centro de divulgación artística, científica e literaria, con miras exclusivamente ao cultivo intelectivo, de expansión cultural ....” A actividade principal céntrase en conferencias e debates abertos a todo tipo de temas, relixiosos, políticos, sociais, etc.

É de destacar a retirada en masa do sector católico, que reduce á metade o número de socios do ATENEO.
A colaboración con outras Entidades, a acollida a todo tipo de actividades culturais na súa sede, son os acenos de identidade do ATENEO FERROLÁN que neste período apenas ten problemas ou detractores, salvo o abandono dos católicos por rexeitamento aos debates sobre relixión que se celebran.

Nos anos 1934 a 1936 temos que apuntar a curta pero intensa existencia dun ATENEO no barrio máis antigo da cidade, o ATENEO CULTURAL DE FERROL VELLO. Chegou a manter un cadro artístico que realizou representacións teatrais no mellor teatro da cidade.

Despois de varias etapas de actividade e paralización, ate a suspensión gobernativa no ano 1936 durante toda a ditadura franquista, reinicia esta derradeira fase en 1976 baixo o nome actual de Ateneo Ferrolán.

Restablecidas as liberdades coa morte do ditador en 1975, un grupo de ferroláns que xa viñan desenrolando actividades culturais aproveitando ó máximo a Lei de Asociacións vixentes, a través da Asociación Ferrolana de Cine-Club, ou de Antigos Alumnos do Instituto, aborda a recuperación da Sociedade baixo a actual denominación ATENEO FERROLÁN, feito que se produce no clima de efervescencia democrática e política no ano 1976, sendo nomeado Presidente Fernando Álvarez Bouza, despois de consensuarse unha candidatura “neutra” para evitar confrontacións ou protagonismos dos partidos políticos emerxentes.
Nesta última etapa, a cuarta, a máis continua na vida do ATENEO, tivo ó fronte da Entidade os seguintes Presidentes:

Ano 1975-1977 O xa citado, Fernando Álvarez Bouza.
Ano 1977-1979 Natalia Lamas, Pianista.
Ano 1979-1980 Xaime Quintanilla Rico, Médico.
Ano 1980-1983 Angel Teijeiro, Licenciado e Senador.
Ano 1983-1984 Fernando Márquez Gallego, Médico.
Ano 1984-1987 Jesús Porta Dovalo, Avogado.
Ano 1987-1989 Guillermo Llorca Freire, Historiador.
Ano 1989-1990 Alvaro Espilla Díaz, Libreiro.
Ano 1990-1995 Luis Calvo Teijo, Delineante.
Ano 1995 -2012 Eliseo Zaera Ríos, Enxeñeiro Técnico Naval
Ano 2012 - Ramón Veloso Rodríguez, Economista
(Presidente na actualidade)

Os Estatutos do Ateneo Ferrolán foron aprobados, como modificación dos de 1931 o día 28 de xuño de 1985, e no mes de abril de 2004, aprobouse a adaptación á normativa actual.

Grazas á constancia e ó empuxe dos socios e socias e coa importante colaboración do Concello, do M.O.P.U., de Caixa Galicia e do arquitecto D. Alfredo Alcalá Navarro, en 1986 inaugúrase a sede social do ATENEO FERROLÁN no número 202-204 da rúa Magdalena, espléndido edificio do século XVIII (1762), trátase dun dos edificios máis representativos do Barrio da Magdalena, propiedade do Concello de Ferrol por doazón dentro do chamado “Legado Carvajal”, home rico que cedeu grande parte do seu patrimonio para usos sociais e culturais. Os seus balcóns de ferro forxado, de gusto rococó, son o elemento decorativo e expresivo do elevado rango desta edificación.

No 2010 comeza a 2ª rehabilitación, esta vez integral, de dito edificio para albergar a sede social dunha das institucións culturais máis antigas da cidade de Ferrol e para o desenvolvemento das súas actividades culturais dentro do histórico Barrio da Magdalena.

Co lema “UN LUGAR DE ENCONTRO PARA A CULTURA” ven desenvolvendo as súas actividades neste marco de Entidade Cultural sen ánimo de lucro, con enteira fidelidade ao lema antedito.

Unha sutil e firme sensibilidade dos socios e socias desta entidade actuou en momentos críticos, abortando e superando situacións que non respondían axeitadamente ó espírito ateneísta que hoxe ninguén discute e que se resume no seu lema.

A PLURALIDADE, a TOLERANCIA, a DIVERSIDADE, ... as portas abertas a tódalas opinións, voces e temas, van acadando e confirman un prestixio e solidez que fan do Ateneo Ferrolán unha entidade en permanente actualización e en constante sintonía cultural, política e social co pobo, en defensa da lingua e a cultura galega especialmente.

Nese amplo universo móvese o Ateneo Ferrolán, entidade sen ánimo de lucro e autofinanciándose maioritariamente, nas súas diversas actividades que podemos resumir nas artes plásticas, música, literatura, teatro, audiovisuais, .... e das que poderíamos destacar:

- Exposicións de artes plásticas. (cunha media de 15 anuais), ciclos de cine (tódolos trimestres), conferencias, debates e mesas redondas (todo o ano), cursos: pintura, música, teatro, fotografía, .... (todo o ano), Certame Fotográfico Medio Ambiente (continuo dende 1991 a nivel internacional), Concurso Internacional de Gaita Galega “Constantino Bellón” (nivel internacional, continuo dende 1991), Xornadas da Gaita. (continuo 23 anos), promotores e organizadores na cidade dos emblemáticos Xoves Teatrais (dende 1995), Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “Atenea”( 7 anos consecutivos), Xornadas de Curtametraxes (continuas dende 2001), publicación trimestral da Revista Atenea (4 ó ano, dende 1999), publicación dos seus monográficos “Cadernos Ateneo Ferrolán (anual dende 1976).

• A súa BIBLIOTECA – HEMEROTECA de uso público, con prácticas tódolos anos de estudiantes de biblioteconomía, é a única hemeroteca de ferrolterra sendo un dos puntos de encontro de calquera investigador.

Ferrol ao longo da súa historia destacou polo seu interese pola prensa e desde o século XIX foi unha das cidades nas que o xornalismo e a prensa máis variada, desenvolvéronse dun xeito máis destacado.

Nós continuamos con esa tradición e a hemeroteca do Ateneo Ferrolán conserva exemplares únicos de prensa local desde o século XIX. A destacar a única colección completa que existe do FERROL DIARIO 1969 – 1980 e de “EL NORTE” 1980 – 1981(en proceso de dixitalización)

Esta biblioteca-hemeroteca está composta na actualidade por ± 10.000 volumes, no seu fondo bibliográfico, fondos de carácter xeral, pero que fan especial incidencia nos temas relacionados coa cidade de Ferrol, e con todo o referido á arte, a historia, a literatura e a cultura de Galicia. Pero a parte máis sobresaínte é a hemeroteca.

A hemeroteca do Ateneo Ferrolán conta na actualidade con ± 450 cabeceiras de prensa. Divididas en revistas e prensa diaria; tanto en coleccións pechadas como abertas; esta prensa é de ámbito internacional, pero desde logo, a súa parte máis importante é a prensa local.

A filmoteca do Ateneo Ferrolán conta na actualidade con ± 1.000 títulos entre longametraxes, curtas e documentais.

O noso importante arquivo fotográfico composto de fotografías de diversa tipoloxía de principios de século (construción naval, social, industrial, carteis ....).

O importante arquivo de partituras inéditas e orixinais para gaita galega así como as súas gravacións presentadas ao noso Concurso Internacional de Gaita Galega “Constantino Bellón”.

Os FONDOS increméntanse, como non podía ser doutra maneira, mes a mes, o que supón un esforzo económico e persoal para a conservación e difusión de dito patrimonio.

O Ateneo Ferrolán mantén aberta a súa Biblioteca-Hemeroteca, sendo a ÚNICA HEMEROTECA de Ferrol e Comarca. Facilita aos seus usuarios coñecementos e información mediante unha colección organizada de documentos, así como a través dos novos sistemas de información e tecnoloxías, que garante o acceso libre e directo ao coñecemento, á información, ao ocio e á cultura.

Map of Ateneo Ferrolán